Sobre nós

contenedor-de-feminismos-diante do Agora

O Contenedor de feminismos é un arquivo móbil xurdido a partir do proxecto Sen consigna, ideado por Uqui Permui. Pensado para ser usado no espazo público, ten a finalidade de recuperar, documentar e visibilizar as historias das mulleres, os feminismos e as loitas pola liberación sexual dos últimos trinta anos en Galicia. O dispositivo foi ideado por Carme Nogueira en 2009 para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, coordinadas por Anxela Caramés e celebradas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán de A Coruña. Neste contexto configurouse o colectivo para realizar as primeiras docuaccións como Contenedor de Feminismos.

 

Dende 2009 ata 2015 realizáronse unhas seis docu-accións. Chamamos docu-acción a un encontro ou diálogo entre mulleres no espazo público para falar sobre un tema en concreto, rescatando esa memoria entre o público e o privado. Na pizarra do Contenedor (o dispositivo usado para ese fin) anotamos información relevante e posteriormente elaboramos material documental; xa sexa un libriño co material rescatado -como fotografías, artigos de prensa e outros documentos- ou un vídeo que rexistre a docu-acción. Despois do encontro recóllese o contenedor para levalo a outro lugar. Algúns dos datos recollidos vanse pintar de forma definitiva na superficie da pizarra e unha selección de materiais incorpóranse dentro do contenedor, formando parte do arquivo.

En 2009 realizáronse as dúas primeiras docu-accións en Vilaxoán e A Coruña (dentro das xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos). En 2011 o contenedor participou nas xornadas Suxeitos emerxentes. Sexualidades e feminismos contemporáneos en Normal (Espacio de Intervención Cultural da Universidade da Coruña). En 2012 foi seleccionado por Patricia Mayayo e Juan Vicente Aliaga para participar na exposición Genealogías feministas en el arte español: 1960 - 2010, no MUSAC e gracias a Belén Sola, xurdiu a idea de realizar dúas activacións en León en conxunto coas asociacións de mulleres de León: Simone de Beauvoir, ADAVAS, Isadora Duncan, Flora Tristán, Clara Campoamor, Muller e revolución e Liñas de fuga. En 2013 participa no proxecto Música en Branco. Memoria sonora da Agra do Orzán, organizado por Sinsal para o Ágora, en A Coruña recollendo historias relacionadas con mulleres do barrio, mesturando a tradición musical galega e a senegalesa. En 2014 foi convidado a participar en El contrato, exposición comisariada por Bulegoa z/b para AlhóndigaBilbao (agora Azkuna Zentroa), para traballar sobre as mulleres bertsolaris. 

Contenedor de feminismos son Anxela Caramés, Carme Nogueira e Uqui Permui.
O traballo de Uqui Permui expándese no campo da comunicación, o deseño e o audiovisual, con especial interés nos fluxos e as dinámicas do espazo público.
Carme Nogueira é artista visual, o seu traballo oriéntase cara as imbricacións entre o privado e o público a través de prácticas contextuais.
Anxela Caramés é investigadora en arte e feminismos, traballa como comisaria, crítica de arte e produtora cultural.

O 14 de abril de 2015 Carme Nogueira, Uqui Permui e Anxela Caramés escenificaron a doazón do Contenedor de feminismos a Xulia Santiso, responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, volvendo desta maneira ao punto de partida e pechando así unha época do Contenedor e abrindo esta nova etapa cunha nova forma de plataforma web, dende onde pretendemos continuar baixo os mesmos parámetros, de participación e coñecemento colectivo.

 

 

No 2017 formou parte da exposición Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia.  Comisariada por Anxela Caramés. Unha revisión das prácticas desenvolvidas no contexto galego desde os anos noventa ata a actualidade.
A exposición realizouse no Marco de Vigo, do 27 de xaneiro ao 11 de xuño; e máis tarde no Auditorio de Galicia, do 6 de xullo ao 12 de novembro.

Catálogo dispoñible no Auditorio de Galicia

Descargar